Lendo certo período menstrual - Celso Emilio Ferreiro
Olla meu irmáu honrado
o que acontez con Daniel:
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del.
O palurdo de alma lerda,
o tendeiro desertor,
o vinculeiro de merda
disfrazado de señor.
O lerdo carca refrito,
o monifate de entroido,
o aprendiz de señorito,
marqués de quero e non poido.
O devoto de onanismo,
o feligrés de pesebre,
o tolleito de cinismo
o que dá gato por lebre.
O rateiro de peirao,
o refugallo incivil,
válense de Castelao
pra esconder a caste vil.
Escoita puto nefando,
criado na servidume
non pasará o contrabando
dise teu noxento estrume.
Grotesco escriba sandéu,
inxertado nun rapaso,
Castelao nunca foi teu
porque Castelao é noso.
I anque a ti che importa un pito,
sabrás que é cousa sabida,
que estás incurso en delito
de apropiación indebida.
Te puede interesar:
Literatura Gallega- Ourense Cousa de Meigas
Biblioteca Virtual Galega

publicado el 18 del 10 de 2007 »
