¿Ti non sabes que eu teño outras preguntas
-poutas sanguentas sobre a miña gorxa-
e ninguén me contesta?

Que inda non sei por qué dioses iñotos
morreron tantos mozos que pasaban
cantando lentamente
cando o solpor durmía sobre os pinos.

Nin sei por que non cantan ises nenos
que xogan a ser homes polas rúas
con tristura de páxaros mollados.

I esas doridas nais de doces ollos
coutados de violedas,
inda non sei por qué choran magoadas
baixo un ceo impasíbel
cheos de cinza os ollos.