Xa dixen que en Allariz hai moitas igrexas. Agora teño que dicir que hai moitas menos igrexas que tabernas.
Os viños que máis se beben son do Ribeiro e Verín, que, segundo os entendidos, son viños frouxos. Eu non lles vou a levar a contraria aos entendidos, porque xa se sabe que, ás veces, non hai como ser entendido para entender. O que digo é que todos os sábados pola noite, en Allariz, o viño de Verin e o do Ribeiro subíanse a unha chea de cabezas, aínda que as cabezas eran case que sempre as mesmas: a do Tarabá, a do Pardau, a do Boca.
Moitas veces, pensei que non era cuestión de que os viños fosen frouxos ou fortes, aqueles homes non precisaban do viño para emborracharse. O que se lles subía á cabeza era, sinxelamente, o sábado. Ou para ser máis exactos, a posta do sol de calquera sábado ou véspera de día santo. Nada máis acabar o traballo, xa estaban perdidos.
¡Lorión, lorión!
O Tarabá era albanel. Pola semana non vivía máis que para o traballo. Pero, o sábado, no mesmo momento en que deixaba a ferramenta, convertíase noutro home outro home:
¡Lorión, lorión! e xa comezaba a facer eses.
Nunca ví home que falase tantos idiomas. Quero dicir, de sábado a luns. O resto da semana, non: o galego, e poucas as grazas. Pero, de sábado a luns, falaba inglés, franchute, alemán, italiano, ruso! Calquera idioma. Agora que, desde logo, todos falados ao seu xeito. É máis que seguro que, cando falaba en italiano, non o entendesen nin os rusos. E que, cando falaba en ruso, non o entendesen nin os alemáns. E que, cando falaba en alemán, nin os ingleses comprendesen o que dicía. Pero como en Allariz non había ingleses, nin alemáns, nin rusos, nin italianos, nunca houbo xeito de facer a proba. Do que non había dúbida era de que as cousas que dicía, en calquera idioma que falase, dicíaas moi convencido:
¡Lorión, lorión! ¡Menoguti indacharca trampilán!
Estaba tan seguro do que dicía, que, as poucas veces que falei con el, convenceume sempre.
Recordo unha Noiteboa, na Misa do Galo, o Tarabá estaba máis políglota que nunca. Talvez naquela ocasión non fose cousa do viño. É posible que os motetes en latín estimulárono:
Natum videte
regem angelorum!
Venite, adoremus!
O Taraba a soltouse a falar en latín, e seguiu co alemán, co inglés! Era coma se as linguas de lume da Pentecostés, que unha vez baixaran sobre as cabezas dos apóstolos, viñesen a pousarse agora nunha cabeza soa, na cabeza tola e borracha do Tarabá.
¡Unibarti trenchacán tarabaquiña!
A xente comezou a dicirlle que calase, que estaba na igrexa, que debía mostrar un pouco de respecto! Pero o Tarabá non se decataba do que lle dicían, porque estaba ao seu:
¡Manxarica viñocura! ¡Lorión, lorión!
E rompeu a cantar:
¡Viñocura, manxarica, xamoneta fartalada!
Cantaba coma se estivese na rúa ou coma se a igrexa fose súa. Algúns dos presentes quixeron obrigalo a saír, pero o Tarabá non se deixaba:
¡Norabuxo, norabuxo, cristocredo, papalán!
Aquilo era peor que un pecado: era unha alteración da orde pública. Un garda que estaba na tribuna baixou juanto ao Tarabá, disposto a acabar o conto. Pero o Tarabá, ao ver que se lle achegaba un uniformado, asustouse , deixou de cantar de e levantando os brazos en sinal de paz, dixo en castelán:
¡Viva o noso Señor!
Marcial Suárez
O Acomodador e outras narracciós